martes, 25 de febrero de 2014

PUBLÍCASE A LISTAXE DE SOLICITUDES QUE DEBEN SUBSANAR DOCUMENTACIÓN NA CONVOCATORIA DAS BOLSAS DE ENSINO E TRANSPORTE PARA O CURSO 2013/14 DO CONCELLO DE TEO

A Comisión avaliadora da convocatoria das bolsas de ensino e transporte escolar 2013/14 acordou publicar unha listaxe de solicitudes que deben subsanar documentación. Consulta aquí a listaxe completa.
Ábrese un prazo de dez días hábiles dende a publicación para presentar a documentación no Rexistro Xeral do Concello. O prazo remata o 8 de marzo de 2014.

O Concello de Teo convoca as axudas para o ensino e o transporte para o curso escolar 2013/14. Estas bolsas pretenden favorecer a escolarización pública e a formación universitaria nas familias con menos recursos económicos do municipio.

As bases da convocatoria están publicadas no BOP número 206 do 29 de outubro de 2013. O impreso de solicitude aparece como anexo nas bases da convocatoria ou podes descargar premendo aquí
. O prazo para presentar a solicitude remata o 23 de novembro de 2013. 
Requisitos:
a) Cursar estudos nalgún dos seguintes centros de ensino para os que se solicita a axuda:
  • PRIMARIA E INFANTIL: todos os centros públicos do Concello (CEIP A Ramallosa, Os Tilos, Calo e CRA)
  • ESO: IES de Cacheiras e Pontepedriña
  • FP OU PCPI: calquera centro público
  • BACHARELATO: IES de Cacheiras , IES de Pontepedriña e o alumnado que curse noutro IES algunha modalidade de Bacharelato que non exista nos centros anteriores.
  • UNIVERSITARIOS: calquera universidade galega.
  • ENSINANZAS DE RÉXIME ESPECIAL-ENSINANZAS ARTÍSTICAS SUPERIORES: Calquer centro galego.
  • O ALUMNADO cuxas necesidades educativas especiais impidan a súa escolarización nun centro ordinario do municipio,poderá solicitar a axuda para a asistencia a un Centro de Educación Especial, aínda que non estea localizado no Concello.
b) Que a renda per cápita familiar non supere os límites establecidos na base quinta da presente convocatoria.
c) Estar empadroado no Concello de Teo e ser fillo dependente. Non pode beneficiarse destas axudas o alumnado que non sexa dependente. Consideraranse fillos dependentes os menores de 25 anos e que convivan no domicilio familiar a 31 de decembro do ano inmediato anterior a aquel no que comeza o curso escolar para o que se solicita a axuda sempre que non teñan un contrato de traballo ou percibiran recursos (agás bolsas) durante o ano 2013.
d) Xustificante da matrícula do/a alumno/a para o curso 2013/2014 (agás alumnos/as de Primaria, Infantil e ESO).
e) Cumprir os requisitos para obter a condición de beneficiario, recollidas nos artigos 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, Xeral de Subvencións e 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de Subvencións de Galicia.
f) As axudas serán solicitadas polos representantes legais do alumnado: os pais, as nais ou os titores.
g) Poderán ser beneficiarios da axuda de transporte o alumnado de:Formación Profesional; PCPI, universitarios, alumnado de Bacharelato que curse estudios no IES de Pontepedriña, ou noutro IES nalgunha modalidade que non se imparta no municipio; alumnado con necesidades educativas especiais escolarizado en centros de educación especial e talleres ocupacionais de fóra do Concello ou alumnado de ensinanzas artísticas superiores.
Documentación:
a) As solicitudes para a concesión destas axudas formalizaranse no impreso normalizado que se inclúe como Anexo I e poderá así mesmo obterse nas oficinas xerais (Rexistro de Entrada)
b) Xunto coa solicitude, no modelo normalizado e debidamente cuberto, presentarase a seguinte documentación:
  •  Fotocopia do DNI do solicitante (pai, nai ou titor).
  • Fotocopia do libro de familia no que figuren todos os membros da unidade familiar.
  • Fotocopia da declaración da renda correspondente ao exercicio 2012 dos pais ou titores legais. No caso de non estar obrigado a presentar a declaración do IRPF, copia da notificación-liquidación ou certificado acreditativo do nivel de rendas emitido pola Axencia de Administración Tributaria que corresponda. Excepcionalmente, se a unidade familiar alega carecer de recursos, ou quere acreditar unha situación excepcional, imprevista ou de carácter de especial necesidade que afecte negativamente á situación familiar, deberá acreditala mediante informe social. Nos casos de separación ou divorcio estase ao previsto na Base 6ª para a determinación dos membros da unidade familiar.
  • No caso de presentar solicitude para varios irmáns, só é necesario presentar un exemplar da fotocopia do DNI do solicitante, do libro de familia e da declaración do IRPF dos proxenitores.
  • Facturas que acrediten o gasto realizado en material escolar ou libros para o alumnado de primaria, infantil e E.S.O. Dado o carácter finalista das axudas desta convocatoria, en ningún caso, o importe da axuda concedida polo Concello poderá ser superior ao gasto realizado polo/a beneficiario/a. En consecuencia, de ser necesario, realizarase o oportuno axuste na cantidade da axuda concedida en cada caso.
  • Certificado da matrícula expedido polo centro educativo para o alumnado de Bacharelato, F.P. , PCPI, universitarios, e ensinanzas artísticas superiores .
  • Certificado que acredite o grao de minusvalía e/ou incapacidade nun grao igual ou superior ao 33% dalgún membro da unidade familiar, se procede.
  • Certificado que acredite a situación de desemprego por un período superior a 6 meses durante o ano 2013 dalgún membro da unidade familiar, se procede.
  • Declaración responsable de atoparse ao corrente coas obrigas tributarias e da Seguridade Social, de non estar incurso/a en ningunha das prohibicións para obter a condición de beneficiario/a de subvencións públicas e de estar ao corrente no cumprimento de obrigas por reintegro de subvencións, , e autorización ao concello de Teo para que realice as comprobacións oportunas durante todo o período que dure o proceso, segundo Anexo II.
Lugar de solicitude:
As solicitudes presentarase no rexistro xeral do Concello de Teo, de luns a venres en horario de 8:00 a 14:00 horas ou os sábados de 9:00 a 13:00 horas.
Prazo:
O prazo para subsanar documentación é de dez días hábiles dende o día seguinte á publicación da listaxe no taboleiro de edictos do Concello de Teo. Tendo en conta que se publica o 26 de febreiro de 2014 o prazo remata o 08 de marzo de 2014.
En resolución:En resolución

lunes, 27 de enero de 2014

PLATAFORMA DE VECIÑOS EN DEFENSA DO TRANSPORTE PÚBLICO DE TEO

Ola a todos,

Hai algo máis dun ano, un grupo de veciños do concello, constituimos unha plataforma veciñal para esixir á Administración Autonómica unha mellora do moi deficiente servizo de transporte do corredor de Cacheiras.

En Xaneiro de 2013 presentamos unha instancia administrativa no rexistro da Dirección Xeral de Mobilidade, respaldada pola sinatura de case 2.000 veciños e comerciantes do concello, na que se pedía unha prestación de servizo con frecuencias de media hora dende Pontevea ata Santiago, os días laborais e unha hora os festivos. Tamén pediamos unha ampliación de horarios, dende as 7,30 h ata as 10,30 h os laborais e de 8,00 h a 22,00 h os festivos, ademáis do cumprimento das normas sobre accesibilidade na flota de autobuses, para que todos os veciños podan facer uso do transporte.

Dende entón, mantivemos dúas xuntanzas coa DXM, ás que asistíu unha comisión composta por representantes dos veciños, comerciantes, tecido asociativo e voceiros de tódalas formación políticas con presenza na Corporación municipal, das que obtivemos un respaldo unánime.

Tras os estudos e análises pertinentes á Xunta comprometéuse a dar solución en brevidade ó problema, diso fai 7 meses. Neste tempo, ademáis de non resolver e non respostar, rompeu unilateralmente un convenio sobre transporte metropolitano vixente dende 2010, no que se recollían melloras aprobadas para os concellos da Área de Santiago, entre os que está o noso.

Por esa razón, e vista a falla de vontade da Xunta, por resolver o problema, puxemos en marcha unha nova campaña de presión.

Solicitamos a todos veciños, comerciantes e asociacións que participen e difundan o contido da nosa iniciativa, explicada no sitio web teobus.com, no que pedimos que TODOS envíen un email ó enderezo da DXM esixindo a resolución do procedemento aberto pola plataforma hai un ano.

Dende que empezóu a campaña, xa se teñen enviado varios centos de correos electrónicos, pero precisamos todos os que podamos conseguir.

Todos gañaremos si mellora este servizo, usuarios e non usuarios. Un concello illado esmorece. As perspectivas de negocio mellorarían, o censo se incrementaría e con él os servizos e a calidade de vida de todos os veciños.

Moitas grazas por participar e dar difusión. Grazas por implicarvos no interese de todos.

Un cordial saúdo.
Conchi García

Plataforma de Veciños en Defensa do Transporte Público de Teo

domingo, 24 de noviembre de 2013

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DO CONCELLO DE TEO CO GALLO DA CONMEMORACIÓN DO 25 DE NOVEMBRO “DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA DE XÉNERO” 2013

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DO CONCELLO DE TEO CO GALLO DA CONMEMORACIÓN DO 25 DE NOVEMBRO “DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA DE XÉNERO” 2013

En pleno século XXI, seguen a producirse fenómenos que poñen de manifesto que non somos a sociedade igualitaria e avanzada da que presumimos.

Os malos tratos contra as mulleres representan un fenómeno social de tal magnitude que atenta contra a dignidade destas, vulnera os seus dereitos e restrinxe as súas posibilidades de elección en tódolos aspectos da vida. Pero non é só un problema individual, afecta a toda a comunidade no seu conxunto. É, polo tanto, unha responsabilidade colectiva a implicación na resolución deste problema.

Lonxe do mito de que nas xeracións máis novas as desigualdades entre mulleres e homes e a violencia contra as mulleres está superada, a realidade amósanos que a incidencia da violencia machista na poboación nova, e tamén menor de idade, é moi preocupante. As novas formas de violencia veñen adaptadas ás formas de relacións sociais que posibilitan as tecnoloxías da comunicación. Temos que evolucionar para facer posible a prevención da violencia e a seguridade, sen menoscabar a liberdade das persoas. 

É imprescindible comprender que non se pode loitar contra a violencia de xénero sen un cambio profundo nos modelos de relación entre homes e mulleres, tanto afectivos, como sociais, laborais e, en xeral, en calquera ámbito da vida das persoas. Resúltanos difícil entender que en Arabia Saudí ás mulleres lles prohiban conducir, que en moitos países as nenas non teñan dereito á educación, pero toleramos que no Estado Español unha cadea de televisión autonómica utilice imaxes dunha picadora de carne para informar do asasinato dunha muller pola súa parella, ou permitimos que a igrexa católica publique un libro “para que as mulleres aprendan a obediencia leal e xenerosa. Hai 20 anos, en decembro de 1993, a ONU publicou a primeira declaración específica sobre a violencia de xénero, precedida do recoñecemento de que os dereitos das mulleres e das nenas son parte inalienable, integrante e indivisible dos dereitos humanos universais. Esta pedra mestra da ordenanza lexislativa internacional completa importantes avances, tanto lexislativos como sociais, nas décadas anteriores, pero algúns dereitos que parecían consolidados volven a estar cuestionados. Facer unha defensa constante do conseguido é imprescindible para evitar unha volta atrás. 

A implicación de todos os estamentos sociais é necesaria, pero como goberno local debemos ter un compromiso activo de traballar a prevención da violencia machista coa mocidade do Concello, dedicando o esforzo e os recursos necesarios para acompañar a xuventude na construción de relacións baseadas no respecto, a liberdade, a autonomía e a igualdade. 

Por todo isto, a poboación do Concello de Teo representada pola Corporación municipal comprometémonos a: 

  • Levar a cabo as actuacións de prevención precisas ante a violencia de xénero. 
  • Colaborar de xeito activo coa comunidade educativa para concienciar a sociedade de que o problema da violencia de xénero só se pode erradicar mediante o compromiso de todos e todas.
  • Traballar co tecido asociativo e coa comunidade educativa para posibilitar a detección da violencia de xénero entre a poboación máis nova. 
  • Elaborar un itinerario de actuación fronte a violencia de xénero que garanta a intervención integral ás mulleres vítimas de violencia de xénero.

Creative Commons License
Este trabajo está licenciado bajo Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivs 3.0 Unported License
.