lunes, 27 de enero de 2014

PLATAFORMA DE VECIÑOS EN DEFENSA DO TRANSPORTE PÚBLICO DE TEO

Ola a todos,

Hai algo máis dun ano, un grupo de veciños do concello, constituimos unha plataforma veciñal para esixir á Administración Autonómica unha mellora do moi deficiente servizo de transporte do corredor de Cacheiras.

En Xaneiro de 2013 presentamos unha instancia administrativa no rexistro da Dirección Xeral de Mobilidade, respaldada pola sinatura de case 2.000 veciños e comerciantes do concello, na que se pedía unha prestación de servizo con frecuencias de media hora dende Pontevea ata Santiago, os días laborais e unha hora os festivos. Tamén pediamos unha ampliación de horarios, dende as 7,30 h ata as 10,30 h os laborais e de 8,00 h a 22,00 h os festivos, ademáis do cumprimento das normas sobre accesibilidade na flota de autobuses, para que todos os veciños podan facer uso do transporte.

Dende entón, mantivemos dúas xuntanzas coa DXM, ás que asistíu unha comisión composta por representantes dos veciños, comerciantes, tecido asociativo e voceiros de tódalas formación políticas con presenza na Corporación municipal, das que obtivemos un respaldo unánime.

Tras os estudos e análises pertinentes á Xunta comprometéuse a dar solución en brevidade ó problema, diso fai 7 meses. Neste tempo, ademáis de non resolver e non respostar, rompeu unilateralmente un convenio sobre transporte metropolitano vixente dende 2010, no que se recollían melloras aprobadas para os concellos da Área de Santiago, entre os que está o noso.

Por esa razón, e vista a falla de vontade da Xunta, por resolver o problema, puxemos en marcha unha nova campaña de presión.

Solicitamos a todos veciños, comerciantes e asociacións que participen e difundan o contido da nosa iniciativa, explicada no sitio web teobus.com, no que pedimos que TODOS envíen un email ó enderezo da DXM esixindo a resolución do procedemento aberto pola plataforma hai un ano.

Dende que empezóu a campaña, xa se teñen enviado varios centos de correos electrónicos, pero precisamos todos os que podamos conseguir.

Todos gañaremos si mellora este servizo, usuarios e non usuarios. Un concello illado esmorece. As perspectivas de negocio mellorarían, o censo se incrementaría e con él os servizos e a calidade de vida de todos os veciños.

Moitas grazas por participar e dar difusión. Grazas por implicarvos no interese de todos.

Un cordial saúdo.
Conchi García

Plataforma de Veciños en Defensa do Transporte Público de Teo

domingo, 24 de noviembre de 2013

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DO CONCELLO DE TEO CO GALLO DA CONMEMORACIÓN DO 25 DE NOVEMBRO “DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA DE XÉNERO” 2013

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DO CONCELLO DE TEO CO GALLO DA CONMEMORACIÓN DO 25 DE NOVEMBRO “DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA DE XÉNERO” 2013

En pleno século XXI, seguen a producirse fenómenos que poñen de manifesto que non somos a sociedade igualitaria e avanzada da que presumimos.

Os malos tratos contra as mulleres representan un fenómeno social de tal magnitude que atenta contra a dignidade destas, vulnera os seus dereitos e restrinxe as súas posibilidades de elección en tódolos aspectos da vida. Pero non é só un problema individual, afecta a toda a comunidade no seu conxunto. É, polo tanto, unha responsabilidade colectiva a implicación na resolución deste problema.

Lonxe do mito de que nas xeracións máis novas as desigualdades entre mulleres e homes e a violencia contra as mulleres está superada, a realidade amósanos que a incidencia da violencia machista na poboación nova, e tamén menor de idade, é moi preocupante. As novas formas de violencia veñen adaptadas ás formas de relacións sociais que posibilitan as tecnoloxías da comunicación. Temos que evolucionar para facer posible a prevención da violencia e a seguridade, sen menoscabar a liberdade das persoas. 

É imprescindible comprender que non se pode loitar contra a violencia de xénero sen un cambio profundo nos modelos de relación entre homes e mulleres, tanto afectivos, como sociais, laborais e, en xeral, en calquera ámbito da vida das persoas. Resúltanos difícil entender que en Arabia Saudí ás mulleres lles prohiban conducir, que en moitos países as nenas non teñan dereito á educación, pero toleramos que no Estado Español unha cadea de televisión autonómica utilice imaxes dunha picadora de carne para informar do asasinato dunha muller pola súa parella, ou permitimos que a igrexa católica publique un libro “para que as mulleres aprendan a obediencia leal e xenerosa. Hai 20 anos, en decembro de 1993, a ONU publicou a primeira declaración específica sobre a violencia de xénero, precedida do recoñecemento de que os dereitos das mulleres e das nenas son parte inalienable, integrante e indivisible dos dereitos humanos universais. Esta pedra mestra da ordenanza lexislativa internacional completa importantes avances, tanto lexislativos como sociais, nas décadas anteriores, pero algúns dereitos que parecían consolidados volven a estar cuestionados. Facer unha defensa constante do conseguido é imprescindible para evitar unha volta atrás. 

A implicación de todos os estamentos sociais é necesaria, pero como goberno local debemos ter un compromiso activo de traballar a prevención da violencia machista coa mocidade do Concello, dedicando o esforzo e os recursos necesarios para acompañar a xuventude na construción de relacións baseadas no respecto, a liberdade, a autonomía e a igualdade. 

Por todo isto, a poboación do Concello de Teo representada pola Corporación municipal comprometémonos a: 

  • Levar a cabo as actuacións de prevención precisas ante a violencia de xénero. 
  • Colaborar de xeito activo coa comunidade educativa para concienciar a sociedade de que o problema da violencia de xénero só se pode erradicar mediante o compromiso de todos e todas.
  • Traballar co tecido asociativo e coa comunidade educativa para posibilitar a detección da violencia de xénero entre a poboación máis nova. 
  • Elaborar un itinerario de actuación fronte a violencia de xénero que garanta a intervención integral ás mulleres vítimas de violencia de xénero.

Creative Commons License
Este trabajo está licenciado bajo Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivs 3.0 Unported License
.